Noticias
-
Está en marcha o Plan de Seguridade Viaria 2022-2025, posto en marcha pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para reducir ao mínimo as vítimas en accidentes e acadar o obxectivo de cero vítimas, é dicir, con 'visión cero'. Este plan, recoñecido como referencia nacional polo Observatorio Nacional de Seguridade Viaria, ten dúas metas fundamentais: diminuír o 25% do número de falecidos e feridos graves nas vías interurbanas e nas travesías con respecto a 2019, e reducir o 25% dos falecidos e feridos graves en usuarios vulnerables (peóns, ciclistas ou motoristas).
-
Galicia reduciu a súa ratio débeda/PIB ata o 16,7% no segundo trimestre do ano, a niveis do ano 2012 segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes a este período publicado hoxe polo Banco de España. Galicia foi ao peche do segundo trimestre de 2023 a cuarta comunidade autónoma de réxime común con menor ratio de débeda/PIB. Esta ratio é sete décimas inferior á rexistrada no primeiro trimestre do ano cando foi do 17,4%, e sitúase tamén, tres décimas por debaixo da ratio rexistrada ao peche de 2022 (17%).
-
O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) presentou os resultados do estudo 'A Economía Galega Informe 2022'. A análise conclúe que Galicia logrou recuperar os niveis de ocupación previos á pandemia cunha evolución "moi positiva" do emprego feminino. Ademais, valora o "impacto positivo da reforma laboral" na redución da temporalidade e o aumento na contratación fixa-discontinua, malia non acadar unha mellora na contratación en prácticas e formación. O informe foi presentado nun acto presidido polo reitor da USC, Antonio López que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados (CEA).
-
A Xunta fixase como obxectivo que para o remate do ano 2023, os mozos e mozas galegos menores de 21 anos teñan feito 6 millóns de viaxes no transporte público autonómico de xeito totalmente gratuíto, o que suporá 1 millón de viaxes máis que no ano 2022. Estes datos foron revelados na presentación da campaña 'Móvome', que ten como obxectivo fomentar o uso do transporte público na nosa comunidade, para así axudar a consolidar un modelo de mobilidade máis sostible, accesible e económico para a cidadanía.
-
O transporte público de titularidade da Xunta rexistra máis de 18 millóns de viaxeiros no primeiro semestre do ano, un 17 % máis que no mesmo período de 2022. Os datos do primeiro semestre avaliados constatan o avance continuado na recuperación da demanda de transporte público, tras a caída desde o inicio da pandemia da covid-19.
-
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, confirmou a boa evolución do mercado laboral de Galicia tras coñecer os datos de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social publicados hoxe. Destacou que estes datos, unidos aos coñecidos a semana pasada da Enquisa de Poboación Activa (EPA), constatan que en Galicia descende o paro e estase a crear emprego. De feito, a EPA reflectiu que a taxa de paro en Galicia caeu por debaixo dos 10 puntos -9,6- e que continúa a ser máis baixa que a do Estado -11,6-. No mes de xullo, a comunidade autónoma acadou o número de paro máis baixo de toda a serie histórica por cuarto mes consecutivo con 127.445 persoas sen emprego, a mellor cifra desde hai 27 anos.
-
A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, inaugurou hoxe un obradoiro sobre equidade de xénero e inclusión organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa finalidade de dar a coñecer as iniciativas desenvolvidas neste ámbito, moi especialmente, a importancia da perspectiva de xénero na investigación. Na súa intervención, Vázquez destacou que o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 conta co maior orzamento da súa historia (44,7 millóns de euros), co obxectivo de “lograr un sistema galego da ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres”.
-
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, sinalou no Parlamento que cómpre que o Executivo central achegue certezas para poder desenvolver os proxectos tractores estratéxicos cos que conta Galicia, e que rectifique o centralismo e a falta de planificación na xestión dos fondos europeos de recuperación. Lorenzana incidiu en que desde a Administración autonómica se seguirá traballando para facer de Galicia un foco de atracción de iniciativas no ámbito da economía verde e dixital, ofrecendo a máxima axilidade administrativa e ofrecendo ao tecido produtivo medidas de apoio para seguir crecendo e creando emprego de calidade no actual contexto de transición.
-
A cifra do desemprego descendeu por primeira vez en Galicia nos últimos 27 anos por debaixo das 130.000 persoas. O mes de xuño pechou con 129.024 persoas en desemprego, a cifra máis baixa de toda a serie histórica, desde o ano 1996. Así o destacou hoxe a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, na valoración que fixo dos datos de paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social que se publicaron hoxe. A titular de Emprego sinalou que o desemprego baixou e as cotizacións aumentaron tanto na evolución anual como mensual e apuntou que a cifra do paro dos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego é a mellor desde que hai rexistros destas variables (2005).
-
Galicia pechou o primeiro trimestre do ano cunha ratio débeda/PIB do 17,7% segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes ao primeiro trimestre do ano publicados hoxe polo Banco de España. Esta ratio é tres décimas superior á do primeiro trimestre do ano 2022 (17,4%), debido a que a Xunta acelerou nos primeiros meses do ano a execución do seu programa de endebedamento, e executou o 75% do importe de endebedamento autorizado, co obxectivo de aproveitar a estabilidade que ofrecían os mercados financeiros nese período. Este aumento é transitorio e corrixirase nos vindeiros meses.