Noticias
-
Galicia mellorou o déficit marcado no orzamento, xa que apuntou que se situou nun 0,4 % do Produto Interior Bruto, o que supón dúas décimas menos do límite previsto. Ademais, a comunidade rexistrou unha ratio débeda/PIB do 17,2 %, tres décimas por debaixo do previsto, o que supuxo aforrar 210 millóns de euros, en canto a capacidade de endebedamento. Galicia recuperou no cuarto trimestre de 2022 o nivel do PIB da prepandemia, con varios trimestres de antelación á media de España. Deste xeito, a economía galega medrou un 3,8 % o ano pasado, dúas décimas por riba do previsto.
-
A rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego cubrirá o cen por cen do territorio para apoiar a creación de emprego e de novas iniciativas laborais. Os Polos de emprendemento son unha ferramenta axeitada para facilitar as condicións e crear un ambiente favorable para que empresas e emprendedores poidan crear postos de traballo con futuro na zona na que se asentan, porque aglutinan todos os recursos coa visión posta nas particularidades de cada territorio, nas súas necesidades e oportunidades. Como paso previo á posta en marcha do Polo, o Goberno galego acende o botón do Sistema de Información e intelixencia territorial (SIE), que pode detectar actividades económicas con potencial.
-
A Xunta de Galicia firmará un protocolo de colaboración cos gobernos de Asturias, Cantabria e Castela e León para o impulso da mobilidade sustentable do noroeste. O obxectivo é dotar este territorio dun elemento vertebrador que favoreza a descarbonización do transporte. Búscase garantir que os potencias usuarios das vías do noroeste de España dispoñan das infraestruturas necesarias para unha adecuada subministración enerxética adaptada ás diferentes alternativas de propulsión dunha mobilidade e transporte cada vez máis libre de emisións.
-
O novo marco guiará ata 2025 as actuacións para evitar na comunidade galega o reparto desigual de xénero no eido dos coidados e para impulsar as carreiras de mulleres e as novas formas de traballo. O deseño do documento parte das conclusións do seu predecesor, o I Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade, que estivo vixente entre 2018 e 2021 e supuxo a activación dun cento de medidas transversais por valor de case 850 millóns de euros. O plan promoverá actuacións para axudar ás mulleres a progresar nas súas carreiras profesionais e participar nas esferas de decisión.
-
Entre as entidades están universidades, autoridades portuarias, clubes deportivos, organizacións sindicais e empresas. Todas elas protagonizarán proximamente un encontro para seguir creando sinerxías de cara a avanzar no obxectivo de acadar unha Galicia neutra en emisións de CO2. A adhesión supón asumir unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima, e acelerar o desenvolvemento de sistemas de enerxía de baixas emisións.
-
Galicia logrou recuperar o nivel de PIB previo á pandemia durante o pasado ano, un fito que aínda non se conseguiu no conxunto de España. Deste xeito, a economía galega está a recuperarse antes que outras Comunidades autónomas das consecuencias da pandemia. O PIB de Galicia superou os 68.800 millóns de euros en 2022, o que supón un incremento do 3,8 % nun ano e recuperar os niveis previos a crise económica derivada da Covid. A comunidade galega bateu un récord histórico de exportacións o pasado ano superando os 29.800 M€ -un 18,3 % máis que no 2021-.
-
Galicia conta na actualidade con 144.092 persoas en desemprego. Trátase da cifra máis baixa nun mes de febreiro desde que se conta con rexistros (1996). O paro descendeu na evolución anual (respecto de febreiro de 2022) nun 6,74 % (-10.417 persoas) e na mensual (respecto de xaneiro deste ano) nun 0,66 % (-956 persoas). En Galicia baixou o desemprego o pasado febreiro con respecto a xaneiro, un mes no que no conxunto de Estado rexistrouse unha suba do 0,44 %. O descenso prodúcese nas catro provincias, nas sete principais cidades e en todos os sectores de actividade respecto de hai un ano, subliñou a conselleira. Con respecto aos sectores de actividade, a comunidade anota unha baixa en todos eles, máis acusada no caso da Agricultura e da Pesca, por enriba do 16 %.
-
O director do Igape, Fernando Guldrís, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia, onde puxo en valor tanto a boa marcha das exportacións galegas, que están a acadar “rexistros históricos”, como o traballo que vén impulsando a Xunta en materia de internacionalización. Un esforzo que, como explicou, se traduce na Estratexia de Internacionalización, que suma este ano outros 20 millóns de euros na procura de seguir contribuíndo “ao mellor ciclo exportador da historia de Galicia”.
-
A economía galega medrou no ano 2022 un 3,8 %, segundo se desprende do informe publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). No 4º trimestre do ano o PIB aumentou un 2,2 % con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior e que en canto á evolución intertrimestral, a taxa do PIB autonómico situouse no 0,2 %. Desde o punto de vista da demanda, no ano 2022, a demanda externa achegou 3,7 puntos porcentuais, cun crecemento do 5 % das exportacións, mentres a demanda interna achegou 0,1 puntos porcentuais. No que respecta á oferta, os servizos medraron un 5,8 %, cun maior incremento no apartado de comercio, transporte e hostalería (+17,4 %).
-
A Xunta ten mobilizados o 100 %” dos 1.122 millóns de euros recibidos ata o de agora dos fondo europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), mentres que ten que recibir aínda 144 dos 1.266 millóns de euros que ten asignados. Dúas terceiras partes destes 1.122 millóns -747 M€- xa teñen publicadas a súa convocatoria, e foron dirixidos a 7.000 persoas autonómas, 370 empresas, 12 entidades do sector público, máis de 27.000 persoas físicas e 130 organismos públicos, entre clústeres e asociacións. Dos fondos europeos orzamentados pola Xunta de Galicia destinados a entidades locais, o 93 por cento -60 millóns de euros- xa foron executados.