Noticias
-
O presidente da Xunta anunciou que o Consello deu luz verde nunha reunión extraordinaria ao proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para 2023, os orzamentos máis altos da historia de Galicia, que ascenden a 12.620 millóns de euros e inclúen un conxunto de medidas de impulso para apoiar ás persoas, familias e empresas e fortalecer os servizos públicos. 'Nun contexto económico como o actual temos a obriga, máis que nunca, de axudar á xente a afrontar as dificultades e de que os esforzos se repartan dun xeito xusto e equitativo', destacou Rueda, quen fixo fincapé en que Galicia se converte así 'nunha das primeiras autonomías' en aprobar os seus orzamentos.
-
Galicia ocupa a sexta posición estatal no uso de software libre entre as pemes e as grandes empresasA maioría das empresas galegas empregan software libre, case nove de cada dez empresas de 10 ou máis traballadores con sede en Galicia (85,2%) o empregan. Nas empresas de menos de 10 empregados chega ao 66,4%, cun crecemento do 10,7% no período 2018-2021, fronte ao 3,9% que medrou a media estatal, reducíndose a distancia de 4,8 puntos porcentuais no 2018 a 0,9 puntos porcentuais no 2021. Son parte dos resultados da análise da presenza do software libre nas empresas galegas elaborada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia.
-
Os Orzamentos do vindeiro ano 2023 incluirán máis de 2.700 millóns de euros para investimentos, un 8,5 % máis que no presente exercicio. Así llo avanzou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos aos representantes das organizacións sindicais e da Confederación de Empresarios de Galicia. O titular de Facenda trasladoulle as liñas xerais das contas do ano que vén e que a Xunta presentará a vindeira semana. Neste sentido, explicoulles que Galicia vai priorizar o apoio aos sectores, familias e empresas máis afectadas pola inflación, garantir os medios e o persoal precisos para continuar prestando uns servizos públicos de calidade, e seguir modernizando a sanidade, a educación e as políticas sociais.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou en Santiago de Compostela o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica III/2022. Nel destácase que a economía galega minora o seu crecemento (4,4% fronte ao 6,8% de España). O documento está asinado polos economistas Patricio Sánchez e Santiago Lago , José Francisco Armesto Piña e Fernando González Laxe, coordinador este último do estudo. Segundo indican en nota de prensa, 'nun contexto de elevado grao de incerteza e o mantemento de tensións inflacionistas, a economía galega modera o seu crecemento no terceiro trimestre do ano, que se sitúa no 4,4%, sete décimas menos que nos trimestres anteriores'.
-
Galicia pechou setembro coa segunda cifra de paro (144.109) máis baixa de toda a serie histórica (1996) nese mes. Deste xeito, o desemprego baixou en Galicia no último ano nun -5,84% (-8.945 persoas). O paro caeu nas principais variables: nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; e en todos os sectores económicos liderando o descenso por sexto mes consecutivo a industria (-12,22%). O desemprego tamén baixou con respecto a setembro de 2021 entre os colectivos prioritarios para a Xunta como son os menores de 30 anos (-9,77%) e as mulleres (-6,23%)
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, exixiu hoxe un compromiso real do Goberno central coa alta velocidade Vigo-Porto por tratarse dunha 'infraestrutura estratéxica e importante' para o desenvolvemento de Galicia, o norte de Portugal e tamén para todo o noroeste de España, 'moi necesitada desta aposta estratéxica', advertiu sobre esta conexión que permitirá reducir o tempo da viaxe entre as dúas cidades das dúas horas e vinte minutos actuais a menos dunha hora. Rueda fixo esta reclamación durante a súa intervención na xornada Desafíos actuais en infraestruturas transfronteirizas e desenvolvemento económico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, organizada pola Agrupación europea de cooperación territorial de Vigo.
-
Galicia é a 3ª comunidade autónoma cunha menor ratio de débeda por habitante no segundo trimestre do ano, segundo os datos publicados hoxe polo Banco de España. A débeda por habitante sitúase na comunidade galega nos 4.393 euros, fronte aos 6.699 euros da media española, co que cada galego debe hoxe 2.306 euros menos que a media autonómica. Con estes datos, Galicia, co 17,7%, ten un diferencial positivo de débeda coa media de 7,2 puntos no segundo trimestre, xa que o conxunto das CC.AA. ten unha ratio débeda/PIB do 24,9%.
-
A Xunta de Galicia advirte de que só a máxima participación das Comunidades Autónomas no reparto dos fondos europeos permitirá que se lles saque o máximo partido. Así o puxo de manifesto o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, quen participou o mércores en Madrid nun seminario organizado pola Comisión Europea para analizar e impulsar os investimentos para unha economía verde, dixital e xusta, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O responsable da Facenda galega apuntou que existen dificultades para a súa xestión óptima, como a falta dunha planificación consensuada.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta aplicará ata o 31 de decembro, un desconto do 50% nos prezos do autobús autonómico e estenderáas rebaixas ao transporte da ría de Vigo e ao ferrocarril na área de Ferrol. A redución temporal do prezo aplicarase ás tarifas dos bonos mensuais, así como ás viaxes aboadas coas tarxetasde Mobilidade de Galicia. Rueda, quen enmarcou esta nova medida na aposta da Xunta pola mobilidade sostible, fixo referencia aos fondos anunciados en xuño polo Goberno central para que as autonomías apliquen unha bonificación de ata o 50% no transporte da súa competencia a partir do 1 de setembro.
-
A economía galega medrou no segundo trimestre do ano 2022 un 4,4% en relación ao mesmo trimestre do ano anterior. O instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe os datos de contabilidade trimestral referentes ao segundo trimestre deste exercicio. En canto á evolución intertrimestral, o PIB autonómico medrou un 1,1%. Desde o punto de vista da demanda, neste segundo trimestre o gasto en consumo final dos fogares e ISFLSF medrou no último ano un 1,8% e as exportacións de bens e servizos aumentaron un 7,3%. No que respecta á oferta, en termos anuais, os servizos medraron un 6,5%, cun maior incremento no apartado de comercio, transporte e hostalería (+19,7%); e a industria manufactureira un 4,7%.