Noticias
-
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, demandou hoxe na Conferencia Sectorial de Enerxía a retirada do Real Decreto de aforro e eficiencia enerxética, que, tal e como lembrou, 'non foi consensuado en ningún momento coas comunidades autónomas nin cos sectores produtivos'. Así, avogou por que se poida atopar un acordo e tomar medidas cun impacto real 'nese obxectivo compartido para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética'. Neste sentido, o responsable de Economía, Industria e Innovación trasladou ao Goberno que desde a Xunta de Galicia se ofrece “a máxima colaboración e implicación de Galicia” no desenvolvemento deste tipo de actuacións, pero dándolle prioridade ao que están pedindo tanto familias como tecido produtivo.
-
Galicia acadou no mes de xullo a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica (desde 1996) con 139.850 persoas desempregadas. O paro cae e as afiliacións aumentan tanto na evolución anual como mensual. Con respecto a xuño, o paro cae en Galicia (-0,77%), mentres que en España aumenta (+0,11%). De feito, a comunidade galega posiciónase como a cuarta rexión na que máis descende o desemprego tanto en termos relativos como en absolutos. Decreceu nun 0,77%, caendo en todos os sectores de actividade, excepto nos servizos. Liderou o descenso a agricultura e a pesca (-4,04%). O paro tamén baixou nos principais colectivos con máis dificultades para atopar un emprego, destacando o ritmo de caída entre os menores de 30 anos (-4,97%).
-
A Xunta vén de aprobar un límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2023 de 12.599 millóns de euros, o máis alto da historia da Administración autonómica, para atender as prioridades dos galegos. Concretamente, o teito aprobado hoxe no Consello extraordinario sitúase un 8,2 % por riba do orzamento do presente exercicio, o que permitirá elevar a capacidade financeira da Comunidade en 958 M€. Esa marxe adicional destinarase a desenvolver os eixes expostos no debate de investidura: traballo, familia e futuro. Galicia é a primeira comunidade autónoma que adopta esta decisión.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou en Santiago de Compostela o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica II/2022. Nel destácase que España e Galicia están 'lonxe aínda de recuperar os niveis económicos prepandemia que xa acadaron Portugal, Francia ou Italia' e apúntase como 'novos factores de inestabilidade' a elevada inflación, os confinamentos manufactureiros en China, o conflito en Ucraína, o retraso na execución española dos fondos europeos e o crecente clima de incerteza financeira internacional.
-
Alfonso Rueda subliñou que a Axenda Financeira de Galicia 2022 aspira a mobilizar 400 M€ para axudar a facer realidade os proxectos do tecido empresarial. Lembrou que é igualmente obrigado que os fondos europeos cheguen ao tecido produtivo para xerar novas oportunidades industriais. 'Non podemos facelo en solitario. Necesitamos que o Goberno tome a iniciativa cun reparto áxil e concreto', dixo, insistindo en que se necesitan certezas para que Stellantis poida competir, para que proxectos transformadores como o polo forestal de Altri en Lugo e a planta orientada de baterías de Showa Denko na Coruña sexan unha realidade, ou para que os proxectos de reindustrialización das Pontes, a nova planta de papel tisú de Ence ou o proxecto de hidróxeno renovable de Reganosa xeren novas oportunidades.
-
Galicia pechou o mes de xuño con 140.932 persoas sen emprego, a terceira cifra máis baixa de toda a serie histórica de datos (1996). De feito e, tal e como apuntou a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, só houbo menos paro en xullo e agosto de 2007 con 139.998 e 140.299 desempregados respectivamente. Lado, quen fixo hoxe unha valoración dos datos, destacou que o paro descendeu na evolución anual e mensual, e nas principais variables: en todos os sectores de actividade, nas catro provincias e nas sete grandes cidades. Tamén salientou o comportamento favorable dos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou hoxe o derrubamento do tramo da A-6 como un problema de índole nacional e reclamou á ministra de transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que sexa abordado coa máxima prioridade e co máximo nivel de atención. Logo de agradecer á ministra que se desprazase para comprobar en primeira persoa o estado do viaduto, o presidente da Xunta aproveitou o encontro para explicarlle o impacto que o colapso deste tramo está a ter na economía galega. A este respecto, indicoulle que o corte supón que a metade norte de Galicia, as súas empresas e os seus portos se queden sen unha vía fundamental para o transporte de mercadorías.
-
O presidente da Xunta informou da avaliación por parte do Consello da Xunta da Axenda Financeira 2022, 'unha folla de ruta con diferentes programas de apoio ás empresas que suman 135,5 M€ e cos que esperamos unha mobilización público-privada de 400 M€, o triplo que o ano anterior'. Para acadar esta meta Galicia conta con distintas medidas englobadas en tres liñas: o reforzo do capital e os fondos propios das empresas; o acceso a instrumentos de débeda; e a oferta de garantías para facilitar a obtención de crédito.
-
Galicia reduciu un 3,4% o seu endebedamento no primeiro trimestre do ano, o que supuxo rebaixar a súa débeda en 401 millóns de euros, segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes ao primeiro trimestre do ano publicados hoxe polo Banco de España. Con estes datos, Galicia diminuíu 1,1 puntos o seu endebedamento en relación ao seu PIB, ata o 17,4%, e sitúase, deste xeito, como a terceira comunidade autónoma de réxime común cunha menor ratio débeda/PIB.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acadou hoxe o apoio de sindicatos e empresarios para instar ao Goberno central a que axilice e concrete os fondos europeos aos que que Galicia aspira. Sobre todo no caso de proxectos prioritarios como son Stellantis, Showa Denko ou o polo forestal de Lugo. O titular do Goberno galego, acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse esta mañá co secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez, e coa secretaria xeral de CC.OO. Galicia, Amelia Pérez, e posteriormente, mantivo un encontro co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites.