Galicia pecha marzo coa menor cifra de desemprego neste mes de toda a serie histórica

Con respecto a marzo do pasado ano, o paro diminuíu nun -7,49% (-11.489 persoas), unha caída que se reflectiu nas catro provincias e nas sete grandes cidades galegas; tamén en todos os sectores económicos, liderando o descenso o primario (-16,10%), seguido da industria (-12,13%). Por colectivos prioritarios para a Xunta tamén decreceu, especialmente entre os menores de 30 anos (-11,02%) seguido das mulleres (-6,86%) e dos parados de longa duración (-4,70%). As cifras de parados de menos de 30 anos e de mulleres sen emprego son as menores da serie histórica (2006) para este mes. Ademais, o número de persoas paradas de longa duración é o máis baixo nun marzo desde 2009.
As afiliacións, pola súa banda, continúan a superar a barreira do millón, situándose a cifra (1.043.530) a un nivel superior ao reflectido hai 14 anos; e a contratación indefinida aumentou tamén, nun +7,48% en Galicia.
En canto á comparativa co mes pasado, o paro tamén diminuíu en Galicia, nun -1,56% (-2.245). Lorenzana salientou que o desemprego con respecto a febreiro descendeu en todos os sectores económicos, liderando a caída a construción (-2,49%), seguido da industria (-2,14%). As afiliacións tamén creceron na comunidade galega, nun 0,74%, así como a contratación en xeral e nas modalidades indefinida e a tempo completo con respecto a febreiro.
Lorenzana, para rematar, apuntou á importancia de seguir a traballar “na casación de oferta e demanda laboral e na atracción de persoas traballadoras, máis poboación activa, a través do programa Retorna Cualifica Emprego”.
R.