A Xunta apoiará ao sector da automoción galega para facilitar a súa transición a unha mobilidade sustentable
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/automocion-galicia.jpg)
Deste xeito, este novo programa de axudas contribúe a facer fronte aos gastos das empresas este mesmo ano, cunha primeira liña de apoios destinada a atender tanto o gasto en equipamentos como o que respecta á elaboración de proxectos de futuro. Os apoios, en concorrencia non competitiva, cobren ata o 70% destes gastos subvencionables, executados dende o 1 de xaneiro ata a data de presentación da solicitude, cun máximo de 300.000 euros. Entre as iniciativa que poderán recibir achegas están “a compra de maquinaria, as reformas das naves de produción ou os gastos de consultoría” para avanzar neste proceso de transición, segundo indicou a conselleira.
Así mesmo, o programa inclúe unha segunda liña de apoios de entre o 35% e o 55% dos custos das actuacións das empresas cara ao desenvolvemento de proxectos de eficiencia enerxética e renovables ata un máximo de 700.000 €. Neste caso para actuacións coma a implantación de enerxías térmicas ou eléctricas (paneis fotovoltaicos ou minieólicos) ou realizar melloras de eficiencia enerxética nas instalacións.
O sector da automoción está a afrontar unha das transformacións máis grandes da súa historia, na que a transición xusta ou a electrificación son puntos centrais do cambio de paradigma. Un escenario no que a Unión Europea fixou no 2035 a data para que os novos turismos e furgonetas no mercado sexan de cero emisións.
Sobre esta base, as empresas automobilísticas galegas están a dar os pasos necesarios cara unha mobilidade con máis infraestruturas; na que se impulsen os vehículos non contaminantes; máis intelixente; máis eficiente e segura; e más competitiva. Un contexto no que este novo programa de axudas busca facilitar esta transición, actuando como un primeiro escudo de apoio.
Deste xeito, a Xunta reforza a súa aposta por un sector declarado estratéxico para a economía de Galicia, que suma máis de 200 empresas e preto de 25.000 empregos, e que conforma unha das cadeas de valor máis completas de Europa. De feito, o Goberno galego xunto coas asociacións e organizacións máis representativas do sector está a traballar no seu plan director, un instrumento consensuado para dar resposta real ás necesidades da automoción galega.
Unha ferramenta, a dos plan directores que, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, forman parte da planificación da política industrial da Xunta enmarcados nunha estratexia que ten como obxectivo facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega.
R.