Noticias
-
As contas públicas de Galicia para o ano 2021 recibiron hoxe o visto e prace no Pleno do Parlamento galego. Estes orzamentos que son os máis altos da historia da Xunta, esgotan o teito de gasto e acadan os 11.563 millóns de euros, aos que hai que engadir 101 millóns no capítulo VIII de instrumentos financeiros. Ademais, o gasto en xuros de débeda sitúase por debaixo dos 100 millóns de euros, o máis baixo desde hai 25 anos. Os Presupostos deste ano inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 8.540 millóns de euros, e o maior investimento produtivo que acada a cifra récord de 2.592 millóns.
-
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou hoxe de que as vías interurbanas de Galicia rexistraron en 2020 o menor número de falecidos por accidentes de tráfico desde que existen rexistros oficiais. Apuntou que 70 persoas perderon a vida nas estradas galegas, segundo o balance provisional de siniestralidade viaria da Dirección General de Tráfico: “son 18 menos que no ano 2019, un 8% menos que no ano anterior (88 falecidos) e un 25% inferior á media dos últimos cinco anos”. Engadiu que dez anos antes a cifra de falecidos chegou a 179 vítimas, e no 2000 perderon a vida 473 persoas nas estradas galegas.
-
“A economía galega amosa un mellor comportamento que a do conxunto do estado fronte ao impacto da pandemia da covid-19”. Esta é unha das conclusión do último Informe de Conxuntura Económica realizado polo Foro Económico de Galicia, entidade xestionada polo Grupo Gen da Universidade de Vigo. Segundo os datos correspondentes ao terceiro trimestre de 2020 recollidos na publicación, a comunidade autónoma presenta unha contracción do seu Produto Interior Bruto do -6,2%, fronte a -9% da media estatal, estando estes dous datos por baixo da media da Unión Europea (-4,2%).
-
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos do paro rexistrado destacando que por mor da Covid-19 o desemprego aumentou en todas as comunidades na evolución anual e que o incremento rexistrado en Galicia (14,69%) é máis de oito puntos inferior á media de subida do Estado (22,90%), o que sitúa á Comunidade como a cuarta na que menos ascendeu o desemprego respecto de decembro de 2019. Lado apuntou, ademais, que pese a que a pandemia está a impactar no mercado laboral galego, Galicia conta con 2.042 parados menos que no inicio do impacto da covid-19.
-
Galicia amplía ata 7,3 puntos o diferencial de débeda coa media autonómica, o máximo histórico, tal e como mostran os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) publicados hoxe polo Banco de España. Ademais, o organismo regulador volve situar á Comunidade Autónoma de Galicia como a terceira de réxime común con menor endebedamento de toda España. En concreto, a ratio de débeda/PIB de Galicia baixa máis de medio punto con respecto ao segundo trimestre do ano e sitúase no 19,0% ao peche do terceiro trimestre.
-
Galicia situouse como a terceira comunidade na que menos subiu o paro con respecto a novembro de 2019. A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos do paro rexistrado destacando que o desemprego aumentou en todas as comunidades na evolución anual e que o incremento rexistrado en Galicia (13,17%) é máis de sete puntos inferior á media de subida do Estado (20,42%). Lado apuntou, ademais, que pese a que a pandemia está a impactar no mercado laboral galego, Galicia conta con 4.157 parados menos que ao inicio do impacto da covid-19.
-
O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 14,6% no terceiro trimestre do ano, segundo reflicten as Contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Este crecemento é dúas décimas superior á caída rexistrada no anterior trimestre que coincidiu co confinamento provocado pola pandemia. En canto á evolución interanual, o IGE estima que o PIB galego rexistrou un descenso do 6,2%. Esta baixada é 2,5 puntos inferior á rexistrada pola economía española para o mesmo período, que foi do -8,7%.
-
Os Orzamentos da Xunta para 2021 destinan catro de cada cinco euros a gasto social, emprego e reactivación económica coa finalidade de seguir combatendo a pandemia, impulsar a dinamización da economía e atender as necesidades das familias, pemes e autónomos. Así o recolle o proxecto de Lei de Orzamentos para 2021 que foi entregado hoxe no Parlamento polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, xunto ao proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que os Orzamentos da Xunta de 2021 incluirán o maior investimento público da historia, que roldará os 2.500 millóns de euros e triplicará a inversión territorializada prevista nos Presupostos Xerais do Estado. “Este orzamento vai ter o peso máximo de gasto da serie histórica. Imos investir máis de 11.600 millóns de euros e imos facer dúas cousas: controlar o gasto corrente e apostar claramente pola anticipación das inversións”, dixo.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe os proxectos vinculados ao eido da automoción incluídos na proposta de Galicia aos fondos europeos e que prevén a mobilización de 1.300 millóns de euros e a creación de 900 novos empregos. Durante a súa participación, esta mañá, na reunión de constitución do grupo de traballo sectorial de automoción Next Generation Galicia-AutoAncora, Feijóo salientou que estas iniciativas se presentan con tres socios “potentes”: “Cun socio tecnolóxico como o CTAG; cunha industria de máis de 130 empresas, agrupadas no Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga); e cunha das grandes factorías de construción de vehículos, o Grupo PSA”