Noticias
-
Galicia sitúase no camiño da reactivación económica, xa que o número de afiliacións á Seguridade Social é maior e a cifra de parados no mes de setembro é inferior ao rexistrado ao comezo da pandemia. Así, a comunidade galega conta con 1.034.229 cotizacións e 153.054 parados fronte ás 1.002.624 afiliacións e 174.481 desempregados de marzo de 2020. Ademais, Galicia acumula seis meses consecutivos de baixada de paro na evolución anual, o que, en palabras da directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, demostra a recuperación do mercado de traballo, un feito ao que se une a saída de traballadores dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego.
-
Galicia pechou o segundo trimestre do ano sendo a 3ª Comunidade Autónoma con menor endebedamento por habitante de España. Así, a débeda por habitante sitúase en Galicia nos 4.476 euros fronte aos 6.607 euros da media de comunidades, co que cada galego debe hoxe 2.131 euros menos que a media autonómica. Os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) publicados hoxe polo Banco de España volven situar a Galicia como a terceira comunidade de réxime común con menor endebedamento de toda España.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde a Universidade de Vigo polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica III/2021. Nel destacan que 'un ano despois do shock, a economía galega recupera o seu dinamismo'. Da súa análise económica subliñan datos tales como que o PIB autonómico medra un 17,5%, que Galicia incrementa o seu gasto público máis que o resto do estado e que medra o emprego feminino, pero baixa a calidade dos contratos.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou á vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, de aportar solucións á crise industrial e apostar por proxectos que modernicen a economía e consoliden o emprego. Durante a xuntanza, Feijóo referiuse deste xeito a distintos asuntos clave para a Comunidade, como a distribución dos fondos Next Generation, a dixitalización, a inclusión financeira ou a prolongación das deducións fiscais do Xacobeo ata 2023.
-
Os datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de agosto evidencian que Galicia continúa a resistir á covid-19. Non só polos preto de 15.000 parados menos rexistrados respecto de febreiro de 2020 (mes anterior á irrupción da pandemia), senón porque a comunidade é a única que encadea oito meses de baixada do paro mensual desde xaneiro e acada un descenso do desemprego respecto a agosto de 2020 (interanual) nunca visto desde que existen datos. Ademais consegue crear emprego ao elevar as afiliacións o mes pasado, cando no Estado descenderon un 0,60% fronte a xullo.
-
A economía galega creceu no segundo trimestre do ano un 17,5%, o que supón o mellor rexistro da serie histórica, polo que a taxa interanual volve a ser positiva por primeira vez desde o inicio da pandemia da Covid-19. En canto á taxa intertrimestral, o PIB galego medrou un 3% entre abril e xuño, dúas décimas máis que a media de España. Así o reflicten os datos da contabilidade trimestral que publica hoxe o Instituto Galego de Estatística (IGE).
-
Os datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de xullo confirman, tal e como valorou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, que Galicia non só segue a resistir á covid-19 (hai preto de 40.000 parados menos que en abril de 2020, que marca o impacto inicial da crise sanitaria), senón que a cifra de parados rexistrada en xullo (151.934) é menor á de febreiro de 2020 (166.229), xusto antes do inicio da covid-19. O desemprego, ademais, baixou tanto na evolución anual como mensual e nas catro provincias e sete grandes cidades, nas mulleres, nos menores de 30 e maiores de 44 anos e nos principais sectores económicos.
-
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Parlamento o teito de gasto non financeiro para o exercicio 2022 que ascende a 11.571 millóns de euros, e que foi aprobado na Cámara autonómica. Valeriano Martínez cualificou este teito de “prudente e rigoroso” e explicou que ten tres prioridades: dar por superada a pandemia en termos sanitarios, seguir reactivando a actividade económica e o emprego, e garantir a protección e o benestar das familias e das empresas. Ademais, o conselleiro tamén subliñou que permitirá recuperar “a mediados do ano 2022 o nivel de riqueza precovid”, antes que a media de España.
-
Zona Franca de Vigo presentou o Informe Económico e de Competitividade de Ardán 2021, elaborado en colaboración coa agrupación estratéxica Ecobas e o Grupo Gen da Universidade de Vigo. Nel preséntase un monográfico que aborda 'a excepcional situación' que provocou a pandemia da covid-19 e 'pon de relevancia que Galicia sufriu un impacto menor que o conxunto de España en perda de riqueza'. O documento, 'o primeiro informe sobre os efectos da pandemia da covid-19 na economía galega' segundo indican en nota de prensa desde Zona Franca, foi presentado por David Regades, delegado do estado, acompañado por parte da Universidade de Vigo do catedrático Santiago Lago e do profesor Xavier Martínez Cobas.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense da Universidade de Vigo polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), reuniu este venres na xornada A Galicia Dixital de 2040 'a un nutrido grupo de expertos tecnolóxicos para dar resposta ás preguntas chave sobre o estado de dixitalización da economía galega'. Nela, os seus especialistas advertiron de que 'nos próximos 20 anos con seguridade produciranse transformacións tecnolóxicas a unha escala maior do coñecido'.