Noticias
-
O 43,06% das empresas que empregan especialistas en tecnoloxía en Galicia contratan mulleres con esta especialidade, unha porcentaxe que soamente superan Madrid, cun 44,26% e Estremadura cun 43,94%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) destaca, así mesmo que, de acordo co estudio realizado sobre a inserción laboral do Sistema Universitario de Galicia, a porcentaxe de mulleres que se manteñen empregadas en especialidades STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) nos dous primeiros anos tras obter o título é dun 83,9 por cento, lixeiramente superior á de homes, que é dun 83,3.
-
A economía galega medrou no ano 2021 un 5,2%, un crecemento dúas décimas superior ao avanzado polo Instituto Nacional de Estadística (INE) para España. O instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe os datos de contabilidade trimestral referentes ao cuarto trimestre que mostran que Galicia recuperou máis da metade do PIB perdido durante a pandemia e que neste 2022 estará en disposición de recuperar a riqueza prepandemia. Ademais, os datos do 2021 confirman que, ao igual que en 2020, a economía galega tivo un mellor comportamento que a española.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pedirá na Conferencia de Presidentes a descentralización dunha parte dos fondos Next Generation para que o Goberno central comparta coas autonomías a responsabilidade da recuperación. Así o puxo de manifesto durante a celebración da gala do 5º aniversario do Foro Empresa Pontevedra. Ao longo da súa intervención, Feijóo expuxo novamente a falta de axilidade no reparto, que fai que máis da metade dos fondos non se traduciran aínda en convocatorias; ademais de lamentar que do total dos fondos que Europa destina a España, o Goberno resérvase 7 de cada 10 euros, 'e a totalidade dos relativos á industria'.
-
O director do Igape, Fernando Guldrís, salientou os rexistros históricos que veñen de acadar as exportacións galegas, pechando o 2021 como o mellor ano desde que hai rexistros ao superar a barreira dos 25.000 millóns de euros. En concreto, as vendas ao exterior de Galicia acadaron os 25.269,6 millóns, un 21,1% máis que no 2020, e tamén por riba do 12% con respecto ao 2019, último ano antes da pandemia. 'O noso tecido empresarial demostra, unha vez máis, a súa capacidade de adaptación e de mellora, tamén en épocas complicadas. E faino superando por quinto ano consecutivo a barreira dos 20.000 millóns'.
-
Alberto Núñez Feijóo afirmou hoxe que o gasto extraordinario nestes dous anos de pandemia superou os 1.500 millóns de euros, segundo un informe presentado hoxe no Consello da Xunta. No ano 2021 a covid-19 supuxo un gasto extraordinario para a Xunta de 901,7 M€, e os maiores reforzos centráronse en todo o referido cos gastos correntes. Foron, en concreto, 662 millóns de euros, 141 M€ máis que no ano 2020. O titular do Goberno galego tamén puxo en valor que no 2021 a Xunta aprobou uns orzamentos co triplo obxectivo de combater a pandemia, reactivar a economía e atender as necesidades das familias e sectores máis afectados pola crise.
-
O Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 terá como prioridades acadar unha recuperación sostible, resistente e inclusiva; deseñar a Galicia do futuro poñendo no centro o reto demográfico; acadar unha Galicia máis sostible e climaticamente neutra; promover unha sociedade innovadora, moderna, competitiva, solidaria e cohesionada; favorecer os valores diferenciais de Galicia como motores de desenvolvemento; e garantir unha senda previsible, rigorosa e estable de actuación do Goberno galego a medio prazo.
-
Galicia pechou xaneiro con 153.932 persoas sen emprego, a cifra máis baixa de paro acadada no primeiro mes do ano de toda a serie histórica (1996). A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, destacou hoxe -na valoración que fixo dos datos de paro rexistrado- que a cifra, ademais, continúa a niveis precovid-19, “afastada” do número de desempregados que había ao inicio da pandemia. De feito, neste tempo, desde febreiro de 2020, o desemprego reduciuse nun -7,40%, case duplicando o ritmo de baixada no Estado (-3,79%).
-
Galicia recibe do actual modelo de financiamento 800 millóns de euros anuais menos do que lle custa á Xunta de Galicia financiar a sanidade, a educación e as políticas sociais. Así o explicou esta mañá o conselleiro de Facenda e Administración Pública nunha rolda de prensa na que avanzou as alegacións de Galicia á proposta de poboación axustada elaborada polo Ministerio de Hacienda –que só é un elemento concreto do sistema de financiamento- e que serán remitidas hoxe ao Ministerio.
-
O prazo de solicitude para participar nas catro novas lanzadeiras Conecta Emprego da Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo permanecerá aberto ata o próximo 14 de febreiro. A iniciativa, dirixida a persoas en situación de desemprego pretende axudar á inserción laboral de 120 galegas e galegos na presente convocatoria. A Xunta colabora no impulso das lanzadeiras coa Fundación Santa María a Real e a Fundación Telefónica. Estas plataformas destacan pola súa metodoloxía avanzada, moderna e cooperativa.
-
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou o primeiro encontro virtual do 2022 do ciclo "FGE | Next Generation Galicia", o punto de encontro mensual establecido pola Fundación Galicia Europa entre a Xunta e a Comisión Europea que, nesta ocasión, estivo dedicado a abordar a Estratexia de mobilidade sostible e intelixente da UE, así como o conxunto de propostas lexislativas enmarcadas na mesma. Durante a súa intervención, o director recordou que o sector do transporte supón o segundo motivo de gasto para os fogares europeos, e que no caso de Galicia, supón un 13,5% do seu PIB e dá emprego a máis de 40. 000 persoas en sectores como o da automoción.